Friday 03 de May de 2024

O concello convoca a trixésima terceira edición dos premios Prismas Casa das Ciencias


 

Nesta edición dos premios, que recoñecen a excelencia en todas as áreas da divulgación científica, cobra especial importancia o labor de xornalistas, documentalistas e divulgadoras/es que fan que a ciencia chegue de forma comprensible a toda a cidadanía O prazo de presentación de traballos finaliza o 31 de xullo en sete das oito modalidades; na de libros editados, remata o 30 de xuño

O Concello da Coruña, a través dos Museos Científicos, convoca a XXXIII edición dos premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación. Este certame premiará cun Prisma de Bronce os mellores traballos en
oito categorías: Vídeo, Novos medios, Texto inédito, Libro editado, Artigo xornalístico, Radio, Proxectos singulares e Prisma especial do xurado. Ademais, todas as modalidades, agás a do Libro editado e o Prisma especial do xurado, están dotadas cun premio de 4.000 euros.
Esta trixésima terceira edición dos Prismas desenvólvese nun momento en que vivimos unha situación excepcional, que nos demostra a importancia da ciencia na nosa sociedade. A ciencia explícanos a beleza do universo, explora o potencial dos recursos da Terra e descifra a complexidade das relacións entre os seres vivos.
Hoxe somos conscientes de que tamén é nosa mellor ferramenta para entender e defendérmonos fronte as ameazas da natureza como os virus. Con todo, o coñecemento científico non serve de moito se non é asumido polo conxunto da sociedade. Por iso, necesitamos xornalistas, documentalistas e divulgadoras/es que fagan que a ciencia chegue de forma comprensible a toda a cidadanía.

As persoas que desexen participar nesta convocatoria dos Prismas á Divulgación poden presentar os seus traballos e candidaturas antes do 30 de xuño para a modalidade de libros editados, e antes do 31 de xullo nas demais categorías. Os Prismas entregaranse no transcurso dun acto que terá lugar na Coruña o sábado 14 de novembro de 2020.